Prezados/as veciños/as:
Queremos que Ponteareas sexa o teu fogar. Unha vila ordenada, curiosa, coidada. Un lugar accesíbel, habitábel, cómodo e agradábel. Unha vila verde e sombreada. Un lugar fermoso, limpo, saudábel, seguro e tranquilo. Coma a túa casa, coma o teu fogar.
No noso empeño por transformar Ponteareas, o goberno local decidíu acometer numerosas obras de humanización e recuperación de rúas, prazas, parques e espazos públicos para poñelos ao servizo das persoas. E para facelo queremos contar coa xente, cos que viven e traballan neses espazos, que mellor os coñecen e que máis desexan a súa transformación en lugares ideais para vivir.
Agora é o momento de humanizar a rúa San Roque nos seus dous tramos (dos Ferreiros á Avda. de Castelao e daquí á Ponte dos Remedios). O primeiro tramo executarase xa nos vindeiros meses. Para definir a humanización do segundo tramo queremos contar coa opinión, as ideas e a participación da cidadanía. Coa intención de facilitar esa participación, o goberno encargou a un equipo técnico de prestixio en accións de rexeneración urbana a redación dunha proposta inicial que agora vos presentamos. Esta proposta é o punto de partida. O punto de chegada será o proxecto final que se redactará logo de concluido este proceso de participación social e unha vez escoitadas e recollidas todas as suxestións, ideas, críticas e propostas veciñais.
O vindeiro xoves día 21 de marzo ás 20:30 horas pomos ao voso dispor as dúas propostar técnicas da humanización da rúa San Roque para coñecer a vosa opinión, para o voso estudo e análise co desexo de que nos fagades chegar o voso parecer.
Con esa finalidade habilitamos un espazo na web do Concello denominado “Ponteareas o teu fogar” onde podes atopar a proposta de reforma desta zona. Concluido o proceso participativo, o equipo técnico redactará o proxecto definitivo e as obras, que disporán de financiamento, adxudicaranse para seren realizadas durante o ano 2019.
Estamos convencidos de que combinando a vontade deste goberno de transformar Ponteareas nunha vila pensada para as persoas co compromiso cívico e participativo dos que queredes un futuro mellor, Ponteareas e a rúa San Roque serán o que todos e todas desexamos. Por iso convoco a todas as persoas interesadas a un encontro o día 21 de marzo ás 20:30 horas, na Sala Multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo.
Xosé Represas Giráldez Chus Garrote
Alcalde Tenente de Alcalde