Rúa Redondela

Queremos unha nova Ponteareas. Coidada, verde, saudábel, limpa, agradábel e fermosa. Unha vila pensada para as persoas, para a xente maior e os máis cativos, para as persoas con mobilidade reducida ou para as bicis.

A rúa Redondela naceu no seu día sen pensar nas persoas que alí ían vivir. Pero chegou o día no que imos mudar as cousas para que a rúa Redondela sexa un espazo novo, un lugar no que vivir, pasear e desfrutar.

No seu empeño por transformar Ponteareas noutra vila, o goberno local decidíu acometer numerosas obras de humanización e recuperación de rúas, prazas, parques e espazos públicos para poñelos ao servizo das persoas. E para facelo queremos contar coa xente, cos que viven e traballan neses espazos, que mellor os coñecen e que máis desexan a súa transformación en lugares ideais para vivir.

Con esa determinación, contratamos o 3 de decembro de 2018 a redacción do proxecto de humanización da rúa Redondela. Neste mes, a equipa técnica deseñou varias propostas ou ideas de renovación da rúa como punto de partida do proceso participativo co que queremos coñecer a opinión da xente e recibir as súas ideas.

Por iso poñemos ao voso dispor esas propostas para o seu estudo e análise co desexo de que nos fagades chegar o voso parecer. Con esa finalidade habilitamos este específico na web do Concello e convocamos a todas as persoas interesadas a un encontro o día 5 de febreiro ás 19:30 horas, na Sala Multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo.

Concluido o proceso participativo, o equipo técnico redactará o proxecto definitivo e as obras, que xa contan con orzamento. adxudicaranse para a súa execución; todo isto nun prazo que estimamos inferior aos seis meses.

Estamos convencidos de que combinando a vontade firme deste goberno de transformar Ponteareas nunha vila pensada para as persoas co compromiso cívico e participativo dos que queredes un futuro mellor, Ponteareas e a Rúa Redondela serán o que todos e todas desexamos.