Prezados/as veciños/as:
Queremos que Ponteareas sexa o teu fogar. Unha vila ordenada, curiosa, coidada. Un lugar accesíbel, habitábel, cómodo e agradábel. Unha vila verde e sombreada. Un lugar fermoso, limpo, saudábel, seguro e tranquilo. Coma a túa casa, coma o teu fogar.
No noso empeño por transformar Ponteareas, o goberno local decidíu acometer numerosas obras de humanización e recuperación de rúas, prazas, parques e espazos públicos para poñelos ao servizo das persoas. E para facelo queremos contar coa xente, cos que viven e traballan neses espazos, que mellor os coñecen e que máis desexan a súa transformación en lugares ideais para vivir.
Agora é o momento de humanizar o espazo comprendido entre o Auditorio e o Mercado Municipal e para iso queremos contar coa opinión da cidadanía. Coa intención de facilitar esa participación, o goberno encargou a un equipo técnico de prestixio en accións de rexeneración urbana a redación dunha proposta inicial que agora vos presentamos e que pretende converter esa zona comercial e cultural con grande movemento de persoas nun amplo espazo peonil, seguro, de calidade, con mobiliario urbano e arborado, un lugar de encontro da xente que vai á compra ao mercado e comercios do entorno ou a un evento no Auditorio.
O vindeiro xoves día 21 de marzo pomos ao voso dispor a proposta técnica de renovación da zona de conexión entre o auditorio e o mercado municipal, como punto de partida para coñecer a vosa opinión, para o voso estudo e análise co desexo de que nos fagades chegar o voso parecer.
Con esa finalidade habilitamos un espazo na web do Concello denominado “Ponteareas o teu fogar” onde podes atopar a proposta de reforma desta zona. Concluido o proceso participativo, o equipo técnico redactará o proxecto definitivo e as obras, que disporán de financiamento, adxudicaranse para seren realizadas durante o ano 2019.
A proposta de humanización da Rúa Fernández Vega (Auditorio-Mercado) únese ao primeiro tramo do Paseo Matutino, Praza de Bugallal, Rúa Redondela, Rúa San Roque, entorno da Piscina Municipal, reforma da Feira Vella, Avenida de Castelao e outras que están executadas ou en fase de licitación ou en procesos de participación social.
Estamos convencidos de que combinando a vontade deste goberno de transformar Ponteareas nunha vila pensada para as persoas co compromiso cívico e participativo dos que queredes un futuro mellor, Ponteareas e o entorno do auditorio e praza de abastos serán o que todos e todas desexamos. Por iso convoco a todas as persoas interesadas a un encontro o día 21 de marzo ás 18:30 horas, na Sala Multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo.
Xosé Represas Giráldez Chus Garrote
Alcalde Tenente de Alcalde