Presentación

Prezados/as veciños/as:

Queremos unha nova Ponteareas. Coidada, verde, saudábel, limpa, agradábel e fermosa. Unha vila pensada para as persoas, para a xente maior e os máis cativos, para as persoas con mobilidade reducida ou para as bicis.

A Feira Vella foi no seu día minguada e convertida nun auditorio ao aire libre sen ter en conta a opinión da xente e o seu encaixe no entorno. Pero chegou o día no que imos mudar as cousas para que a Feira Vella sexa un espazo novo, mellor aproveitado, con máis usos dos que desfrutar.

No noso empeño por transformar Ponteareas, o goberno local decidíu acometer numerosas obras de humanización e recuperación de rúas, prazas, parques e espazos públicos para poñelos ao servizo das persoas. E para facelo queremos contar coa xente, cos que viven e traballan neses espazos, que mellor os coñecen e que máis desexan a súa transformación en lugares ideais para vivir.

No caso da Feira Vella contratamos a redacción dun estudo de reforma para mellorar este espazo. Agora poñemos ao voso dispor a proposta técnica de renovación do parque, como punto de partida para coñecer a vosa opinión, para o voso estudo e análise co desexo de que nos fagades chegar o voso parecer.

Con esa finalidade habilitamos un espazo na web do Concello denominado “Ponteareas o teu fogar” onde podes atopar a proposta de reforma do parque da Feira Vella. Concluido o proceso participativo, o equipo técnico redactará o proxecto definitivo e as obras, que disporán de financiamento, adxudicaranse para seren realizadas durante o ano 2019.

Estou convencido de que combinando a vontade deste goberno de transformar Ponteareas nunha vila pensada para as persoas co compromiso cívico e participativo dos que queredes un futuro mellor, Ponteareas e o Parque da Feira Vella serán o que todos e todas desexamos. Por iso convoco a todas as persoas interesadas a un encontro o día 25 de febreiro ás 19:30 horas, na Sala Multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo.

Xosé Represas Giráldez

Alcalde