Novas

Ponteareas acomete a humanización da rúa San Roque

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a Tenente de Alcalde Chus Garrote,  anunciaron a humanización da rúa San Roque que une o centro urbano co río Tea na Ponte dos Remedios.

Represas explicou que a actuación consta de dúas fases. A primeira, que será licitada nos vindeiros días e executada no segundo trimestre deste ano, consiste na reforma do tramo que une a Rúa dos Ferreiros coa Avenida de Castelao. Trátase dunha rúa sen apenas beirarrúas e moi degradada e abandoada, onde os veciños que queren achegarse ao río deben camiñar pola calzada. Co proxecto de humanización a rúa transformarase totalmente pensando no tránsito de persoas de forma segura e cómoda. O investimento aprobado para as obras ascende a 171.693,07 €

A segunda fase realizarase no tramo que discorre entre a Avenida de Castelao, Parque de San Roque e a Ponte dos Remedios. Este tramo atópase tamén, ao igual que o anterior, especialmente deteriorado, sen case beirarrúas e con arborado situado na calzada. O goberno local dispón xa dun estudo de renovación da rúa elaborado por un equipo de técnicos no que se contempla a dotación de amplas beirarúas, aparcamento e arborado, convertendo esta rúa nun amplo paseo de acceso ao río Tea.

O estudo será exposto ao público na vindeira semana dentro dun novo proceso de participación social no que os ponteareáns poderán achegar ideas e opinións para a súa valoración por parte dos técnicos. Unha vez concluido o proceso de participación redactarase o proxecto definitivo e as obras executaranse con cargo á estratexia Ponteareas Hábitat Saudable aprobada pola Unión Europea e dotada con 5 millóns de euros para Ponteareas.

Esta actuación únese a outras xa realizadas como o Paseo Matutino e outras anunciadas como a Rúa Redondela, o parque da Feira Vella, o Alto da Gloria ou a Praza de Bugallal que persiguen, en palabras de Represas “transformar Ponteareas nun lugar pensado para a xente”.