Ponteareas o teu fogar

Queremos que Ponteareas sexa o teu fogar. Unha vila ordenada, curiosa, coidada. Un lugar accesíbel, habitábel, cómodo e agradábel. Unha vila verde e sombreada. Un lugar fermoso, limpo, saudábel, seguro e tranquilo. Coma a túa casa, coma o teu fogar.

Para logralo precisamos da túa implicación e do teu compromiso. Queremos renovar e transformar Ponteareas coa túa participación, as túas ideas e as túas propostas. Queremos contar coa veciñanza que é exemplo de civismo, que se preocupa polo seu entorno e que sabe que manter as rúas, as prazas e os parques limpos e coidados é cousa de todos e todas. Aspiramos a unha vila na que os comportamentos incívicos duns poucos rexeitados pola maioría social sexan dunha vez erradicados.

Este espazo na nosa web municipal pretende ser a ferramenta de comunicación entre a cidadanía e o Concello que nos permita converter Ponteareas no teu fogar. Aquí atoparás información sobre as actuacións que emprendemos para humanizar a vila, para mellorar o medioambiente e para gañar en calidade de vida. E aquí poderás participar, dar as túas opinións e informarnos. Ninguén mellor que a veciñanza coñece o seu entorno, as necesidades e as solucións da súa rúa, das prazas e dos parques.